A piscina municipal de Mondariz vén de pechar unha magnífica tempada que destacou tanto polo elevado número de usuarios e usuarias, coma pola grande participación nas actividades que se desenvolveron ao longo do verán nesta instalación municipal.

Máis de 3.500 persoas utilizaron nos meses de verán a piscina de Mondariz, tanto para gozar das instalacións nun verán caracterizado polas altas temperaturas, como para participar nos cursos de natación, organizados polo Concello, e que foron seguidos por un elevado número de veciños e veciñas.

Os números falan por si sós. Ao peche da tempada a piscina municipal obtivo unha recadación de preto dos 5.000 euros, (4947,50 €) cifra que contrasta coa do ano 2015, en que se recadaron pouco máis de 3.600 euros, a pesar de que esta instalación municipal estivo aberta catro meses, en lugar dos dous deste ano.

O Goberno local salienta que ese incremento de recadación, era froito “dunha mellor planificación do funcionamento da piscina municipal” así como á organización “de actividades atractivas para os usuarios e usuarias que ven, na piscina, outro elemento máis no que ocupar o seu tempo de lecer nos meses de verán”.

Gabinete de Comunicación do Concello de Mondariz