A vila de mondariz

a_vilaO núcleo urbano desenvólvese arredor da praza (42.233014, -8.454951), un centro neurálxico rodeado de casas de tipoloxía vilega entre medianeiras construídas durante o século XIX en pedra de cantaría. A vocación comercial da meirande parte dos baixos destas casas evidencia que a vila centralizou un vivo comercio municipal ata hai poucas décadas, fornecendo á po- boación de todo tipo de bens e servizos.

O conxunto ten tres nodos ou centros neurálxicos: o Monte da Ovella ou Campo da Feira ao norte, onde se celebraba a feira do gando e hoxe se levanta a Casa do Concello; unha praza arborada que é o centro da vida social, especialmente os días de feira dominical e durante os meses de verán, cando acolle variados actos culturais; ao sur deste espazo a Praza de Abastos, o xardín de Rodríguez Fornos e a igrexa de Sta Baia.

Praza de Abastos. Foi construída no ano 1927 para mellorar as condicións de compra-venda de produtos perecedoiros polo alcalde Ramiro Vidal Carrera. Coa chegada da ditadura, en 1936, o nome do rexedor foi borrado do lintel da porta principal. En 1944, o novo alcalde ordenou gravar de novo o nome do promotor. O edificio é da autoría do arquitecto Juán Argenti e na súa construción investíronse 68.766 pesetas do ano 1926. Entre os anos 2016 e 2017 modernizouse por completo o interior do edificio, converténdoo nun polo comercial que ofrece produtos atractivos e de calidade.

Monumento a Rodríguez Fornos. É obra de Franciso Asorey, o mellor escultor galego do século XX. Inaugurada por subscrición popular en 1925, o busto en bronce retrata ao que fora alcalde e médico dos pobres, morto cumprindo co seu deber como consecuencia dunha infección contaxiada mentres axudaba a dar a luz a unha criatura. Flanquean o busto unha imaxe masculina e outra feminina. Debaixo do busto un neno semiespido suxeita coas mans a dúas serpes, o que agocha unha referencia ao traballo dos galenos quen, como o Hércules mitolóxico, están chamados a dominar o mal e a enfermidade.

Igrexa de Santa Baia. O templo actual data de 1711, aínda que no seu lugar houbo un edificio medieval, tal e como evidencia o sartego, cuberto con tapa dobre de estola no que descansa Eusebius, o primeiro abade da parroquia. Dedicado a Sta Baia (un nome galego medieval de muller que derivou en Eulalia e Olalla, literalmente “a ben falada”), o templo destaca polo seu campanario de planta cadrada, protexido cunha varanda granítica da que penduran placas composteláns. Coroa o conxunto un tambor casetonado e unha cúpula tamén octogonal. No seu interior a nave divídese en catro tramos cubertos por bóvedas de cruzaría con claves diferen- tes. O presbiterio aparece cuberto por unha bóveda de canón casetonada con nervos, cubrindo un fabuloso retablo barroco presidido polo escudo dos marqueses de Mos, que financiaron a obra en 1774. Por baixo del a imaxe do Papa San Gregorio Magno e, no centro a de Sta Baia.

Cruceiro do Cemiterio. Situado na rúa central do camposanto municipal (42.229254, -8.456093), os cinco metros de altura do seu varal cilíndrico fan del o cruceiro máis alto de Galicia. Érguese sobre un basamento en forma de dobre grada seguido dun pedestal bulboso. No cumio un capitel engalanado con cabeciñas de anxos, espirais e follas de acanto que soporta a imaxe do crucificado, con pano púdico e un anxo que recolle nun cáliz o sangue do seu costado.