Concello de Mondariz e Xunta de Galicia están a desenvolver traballos que permitan a restauración da ribeira, mediante a restauración da vexetación autóctona, eliminación de barreiras e control do proceso de erosión, no lugar do Ceo, incluído dentro da Zona Especial de Protección do Río Tea.

A iniciativa busca fundamentalmente recuperar unha zona que, segundo explica o alcalde de Mondariz, Xoán Carlos Montes Bugarín, actualmente está altamente alterado “provocando unha alarmante perda tanto do seu valor ambiental como de desfrute público”.

Para acadar todos estes obxectivos, creouse un valado verde que permita frear os procesos de erosión que está a sufrir esta área. Amais, procederase á retirada da cuberta de bloques de formigón cos que estaba cuberta a praia e da cuberta plástica posta de xeito provisional sobre ditos bloques debido a incomodidade que estes supuñan.

Do mesmo xeito, eliminouse o valado que limita a extensión da praia, xa que o único que se consegue, segundo os técnicos, é unha perda de area ao cambiar a dinámica de sedimentación durante as enchentes do inverno.

A actuación conta un investimento total de 24.200 euros, e inclúe a construción dun novo quiosco de bebidas revestido de madeira, mellor integrado na paisaxe que o antigo de poliester.

Recuperación e limpeza da Ponte de Cernadela

Nos últimos meses leváronse a cabo traballos de limpeza de vexetación da monumental Ponte de Cernadela de Mondariz, que une os barrios do Ceo (Sta Baia de Mondariz) e Cernadela (Riofrío). Os traballos, que executou unha empresa especializada de restauración de bens culturais, consistiron na retirada da vexetación (toxos, silvas, etc….) que foi medrando ao longo dos últimos anos nos intersticios dos perpiaños que conforman a ponte, nomeadamente na cabeceira dos tallamares (os contrafortes de planta triangular que reforzan a estrutura da ponte augas arriba e abaixo).

O alcalde de Mondariz, Xoán Carlos Montes, solicitou hai agora un ano á Consellería de Cultura que colaborase co Concello para levar a cabo este proxecto, que agora por fin se fai realidade para ben do monumento, que lucirá a maior parte do verán en perfecto estado de revista para ser admirado pola veciñanza e polos centos de visitantes que nos visitan. O importe dos traballos, que financia integramente a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, superou os 8.000 €.

Gabinete de Comunicación do Concello de Mondariz