O Concello de Mondariz destinou un total de 4.100 euros ao seu Programa Solidario de Alimentos, froito dunha petición que o consistorio realizoulle á La Caixa, quen  colabora en diversas  iniciativas solidarias co seu programa de “Obra Social”.

O alcalde de Mondariz quixo agradecer “a sensibilidade amosada por La Caixa, e en particular pola súa responsable en Ponteareas, Anabel Troncoso, que non dubidou en responder á solicitude desta axuda que lle fixo o Concello”.

O Programa Solidario de Alimentos de Mondariz atende, nestes momentos, ás necesidades de 56 familias do municipio o que supón prestar atención a máis de 150 persoas.

Unha das maiores preocupacións do Concello, á hora de desenvolver este programa, son os períodos vacacionais dos nenos e nenas, como no caso do Nadal, en que non poden utilizar o servizo de comedor escolar.

Por iso, o Programa de Alimentos, busca non só ofrecer ás familias máis necesitadas, alimentos básicos, senón tamén aqueles outros permitan cubrir as necesidades alimenticias dos máis pequenos, como poden ser produtos para as merendas e o almorzo.

Coa axuda de La Caixa, o Concello de Mondariz pode desenvolver o seu programa en tres eixes destinando, por unha banda, 2.500 euros a produtos de alimentación básicos en xeral. Doutra banda, destina do importe global, 1.000 euros a produtos de hixiene persoal e doméstica e, finalmente e dadas as datas nas que andamos, 600 euros irán para produtos de Nadal, de tal xeito, sinala o Concello “que as unidades familiares con menos recursos poidan gozar destas festas con dignidade”.