Parroquia de Frades

A parroquia de Frades está situada a 4,5 km do centro urbano de Mondariz, nun pequeno val formado polo río Aboal e o seu afluente o río do Tenllo, ambos tributarios do Tea. Esta parroquia ten 329 habitantes, dis- tribuídos nos barrios de Aboal, O Soutiño, A Cambra, A Costa e As Quintáns. É unha das parroquias máis pequenas de Mondariz, xa que só posúe unha extensión de 3’6 km2. O seu nome (lat. fratre>irmán) pode proceder, ben da existencia pretérita dun mosteiro na localidade, ben da condición de igrexa de asilo, un dereito de orixe medieval polo que calquera perseguido pola xustiza podía acollerse á protección dun poder recoñecido (neste caso eclesiástico) que impuña ao delincuente unha penitencia pública. A igrexa aparece citada no ano 1156 como “s. Martini de Fratribus”.

A igrexa de San Martiño 1 (42.25309, -8.47215) foi construída na Idade Moderna. Consta de templo, capela e un cemiterio, todo iso dentro dun adro naturalizado por unha fermosa oliveira. Destaca o reloxo de sol e a bóveda de cruzaría simple que cubre o presbiterio apoiándose en ménsulas; o seu centro está decorado cunha flor de botón. O Cruceiro da Igrexa 2 (42.2535, -8.47199) é unha peza excepcional labra- da a finais do século XVIII. Loce vara cilíndrica que remata nun capitel de catro lados curvos no que se intercalan querubíns e volutas que coroan unha base vexetal. Na cimeira un Cristo barbado e con coroa de espiñas que loce un pano de pureza anoado á dereita. No reverso a Virxe das Angustias co seu fillo morto no colo. Ten por base unha peza cilíndrica na que se labrou esta inscrición:

ESTE CRUZERO LO MAN / DO ACER FRANCO ATo ALRES / Y MANUELA IRESo AÑo 1785

A Fraga do Aboal ou Carballeira de Festín 3 (42.27922, -8.48114) é o bosque autóctono máis precioso que Mondariz ten. Trátase dunha carballeira típica galaico-portuguesa, que poboa as dúas ladeiras do val fluvial que escavou o río Aboal. Na densidade do bosque poderás admirar panascas, loureiros, brións, es- tripeiros, fentos e liques, pero sobre todo unha manchea de carballos atlánticos de diferente altura e idade ocupando as valgadas. No sendeiro fluvial do río Aboal atoparás varios muíños e unha singular pontella 4 de rasante chan labrada en granito que dá acceso ao lugar da Costa.

O Coto do Castro 5 (42.25752, -8.46592) fai de límite natural entre as parroquias de Frades e Gargamala. É unha das aldeas fortificadas prehistóricas máis destacadas do concello. Unha muralla cingue o recinto principal, defendido na cara leste por dous foxos e un parapeto. O acceso actual ao recinto sitúase ao norte do xacemento.

frades