Parroquia de Gargamala

A parroquia de Gargamala é a máis grande en extensión do municipio. Está composta polos barrios do Barral, O Barro, Boente, Mourelle, A Rúa, O Soutiño e Vedrelos, nos que viven case 400 habitantes. Precisamente no Barro atoparás a coñecida como Casa da Inquisición (42.262281, -8.441629), onde se di que castigaban aos heterodoxos relixiosos deixando caer sobre as súas cabezas gotas de aceite ou de auga fervendo. O nome de Gargamala procede da raíz onomatopeica –garg, que alude á súa accidentada xeografía, en particular á dificultade de paso que provocan os seus ríos e montes.

Ruta dos muíños. 1 En Gargamala podemos gozar visitando algúns dos muíños máis sorprendentes do país: os muíños de cubo, característicos por ter que administrar un caudal de auga limitado que cae en vertical a través dun conduto de aros de granito que poden alcanzar ata os catro metros de altura. A eles chegarás a través dunha ruta que tamén pasa á beira dun antigo foxo do lobo 2 (42.281446, -8.449562) e de varios gravados rupestres prehistóricos. 3

Santa María e Xano. A igrexa de Gargamala 4 (42.259713, -8.443103) está dedicada a santa María, patroa da parroquia, e foi construída en 1768. A porta aparece enmarcada cunha moldura acobadada ba- rroca. Completa o frontispicio un campanario lateral conformado por dous corpos prismáticos separados por unha balaustrada de considerable voo. Hai que destacar que o presbiterio presenta un curioso remate ameado, dispoñéndose no seu testeiro un escudo coas armas do Conde de Salvaterra. Un dos elementos máis sobranceiros do templo son as pinturas murais que locen as capelas e o presbiterio. As pinturas atópanse nas capelas laterais Norte (con iconografía dedicada a San Bieito) e Sur (dedicada á paixón de Cristo), pero o conxunto máis importante atopámolo no presbiterio, cuberto cunha iconografía mariana. Destaca a imaxe pintada de perfil de Xano 5, un deus coroado bifronte (na Roma clásica era o deus das portas e dos inicios, de aí que o nome do primeiro mes do ano), asociado iconograficamente coa prudencia.

 

gargamala