O Concello vén de instalar dous paneis divulgativos dos recursos patrimoniais de Mondariz nas praias fluviais do Ceo e O Val. Os paneis, que teñen un deseño actual e atractivo, recollen os principais recursos turísticos do concello en todas as parroquias e permiten descargar toda a información dispoñible en tres idiomas: galego, castelán e inglés.

Os paneis tamén contan cun código Bidi que permite, mediante un servizo gratuíto dos teléfonos móbiles, acceder á localización de todos os recursos, de forma que ninguén se poida perder. Esta inciativa está complementada con dous folletos turísticos, un breve e outro máis amplo, que recollen os principais valores naturais e culturais cos que conta o noso concello, da Ponte de Cernadela ao Castelo do Sobroso, pasando polas praias fluviais e os sendeiros á beira dos ríos Tea, Xabriña e Aboal.