AulaMatinal

O curso escolar 2019/2020 comeza hoxe en Mondariz coa posta en marcha dun novo servizo de aula matinal para os alumnos/as do CPI de Mondariz que o precisen. Este Plan Madruga foi promovido e organizado pola A.N.P.A. Río Tea, co apoio económico do Concello de Mondariz.

Funcionará en horario de 7:30 a 9:10 da mañá en aulas do centro educativo, co obxectivo de facilitar a conciliación familiar e laboral de nais e pais de alumnos/as. Polo momento hai 14 nenos e nenas inscritos, pero o servizo continuará aberto a novas inscricións durante o ano escolar.

No CPI de Mondariz estudian máis de 300 rapaces e rapazas de infantil, primaria e secundaria. Unha das prioridades políticas do goberno municipal é garantir uns servizos públicos de calidade. No eido educativo, está totalmente comprometido co melloramento das instalacións e o servizo de comedor escolar.

Obras CPI Mondariz 1

Nas semanas previas ao inicio do curso, o concello levou a cabo diversas obras de mantemento no CPI de Mondariz. Interiormente, pintáronse as paredes do salón de actos, a sala de profesores e varias aulas e se creou unha rampla de acceso á aula de psicomotricidade que non existía. Na parte exterior, arranxáronse os caleiros para garantir unha óptima recollida de auga nos días de choiva, fixéronse obras de mantemento na área de fontanaría e leváronse a cabo traballos de limpeza.

Respecto ao servizo de comedor escolar, que o curso pasado foi obxecto de constantes queixas por parte de nais e pais de alumnos/as, o goberno municipal ten a vontade de apoiar ás familias que reclaman unha maior calidade da comida que se serve no centro. Aínda que non é unha competencia municipal, colaborará coa A.N.P.A. para acadar un servizo de comedor escolar realmente digno.