Xosé Guisado Nogueira recibiu o título da man do alcalde

O Concello de Mondariz fixo entrega do título de Cronista Oficial a Xosé Guisado Nogueira -Kubala-, funcionario xubilado do concello. Kubala foi asiduo colaborador en múltiples publicacións de carácter local e comarcal. No ano 2013 este autor presentou o seu último libro, Personaxes e algúns contos mondarizáns, un traballo editado pola Asociación Ecocultural Búrbida no que fai un bosquexo da personalidade dunha ducia de personaxes locais (os máis deles xa finados) que foron moi queridos na vila, cada un por un motivo diferente. O libro compila, ademais, un conxunto de artigos –publicados e inéditos– escritos por Guisado Nogueira nos últimos anos referidos a distintos aspectos da vida nestes dous concellos irmáns: etnografía, anécdotas históricas de Mondariz e o Balneario, episodios da historia recente, etc…

Autor da primeira historia de Mondariz

No ano 1988, cúmprense agora 28 anos, Xosé Guisado Nogueira publicou Mondariz, historia, guía y hechos pasados, un libro de referencia para todos os veciños e veciñas de Mondariz e Mondariz Balneario. Este traballo foi un éxito editorial indiscutible, como proba o feito de que xa se reeditou en dúas ocasións; poucos fogares hai nos dous mondarices que non teñan un exemplar deste pioneiro traballo de historia local.

O acto servirá tamén para agradecer ao autor a publicación daquela obra senlleira que trazou por vez primeira os antecedentes de, como din os organizadores, “un concello bicéfalo que latexa cun único corazón, o que rega a auga que lle dá sona en medio mundo desde hai máis de 140 anos”.