O Goberno local de Mondariz vén de dar a coñecer os datos relativos aos ingresos xerados polo mercado dominical correspondentes ao 2016, cunha recadación de 12.708 euros, o que supón un incremento do 270% sobre a recadación do 2014 (4.697,75 €), na que gobernaba o anterior executivo .

Desde a súa chegada ao Goberno municipal en xuño do 2015, AporM amosou o seu convencemento de que unha grande parte do desenvolvemento económico do municipio, pasaba pola potenciación do mercado dominical “como un dos elementos claves para a dinamización do comercio local”.

Nesa liña de traballo, xa no 2015, en medio ano de Goberno, os ingresos do mercado dos domingos situábanse en 7.829 euros, o que supuña un incremento do 166% sobre o ano 2014.

O máis salientable é a rendibilización do comercio local, fíxose cun incremento das taxas que o Goberno cualifica de “simbólico” xa que nos casos máis elevados nunca superou os 2,50 euros mensuais e na maioría dos postos, foi de pouco máis dun euro.

Segundo o Concello de Mondariz, o único que precisaba o mercado dos domingos “era moita atención por parte do Concello e que os profesionais tomasen conciencia da súa importancia”. O coidado por parte do Concello queda reflectido no feito de que, todos os domingos, dous membros do Goberno local controlan o desenvolvemento do mercado atentos, tanto ás necesidades dos profesionais, como a dar solución aos problemas que puideran xurdir nunha actividade tan complexa.

Venda ambulante

O Concello tamén regulou, por vez primeira, a venda ambulante no casco urbano, a fin de favorecer aos comerciantes da vila, que pagan aquí os seus impostos. Aprobouse unha ordenanza e instaláronse sinais informativas que delimitan o casco urbano, prohibindo dentro del a actividade dos ambulantes de luns a sábados.

Nas parroquias, pola contra, os ambulantes poden seguir a desenvolver a súa actividade sempre que conten con licenza municipal, o que permitirá seguir prestando un servizo ás persoas que teñen dificultades para trasladarse á vila.