Parroquia de Riofrío

Esta parroquia ten uns 500 habitantes que residen nos barrios da Arnela, O Carballal, Cernadela, A Cha- leira, O Pé do Muíño e San Miguel. Presenta fermosas paisaxes, sobre todo na ribeira do río Tea, onde destacan as pontes do Val e da Poeira 1, e que forma parte da Rede Natura 2000 da Unión Europea.

A igrexa de SanMiguel 2 (42.238948,-8.464199) foi construída en estilo barroco no ano 1705. Da igrexa románica anterior, datada en 1164, só conserva a fermosísima cruz calada dobre inserida nun círculo que se sitúa sobre o cumial da capela sur. No interior do templo atopamos o que a xuízo dalgúns especialistas é o “demo máis feo do mundo”, unha talla de madeira única, moi descoñecida da Diocese de Tui-Vigo.

A praia fluvial do Val (42.236644, – 8.460799), situada á beira do río Tea, é ademais unha área recreati- va moi popular no municipio. Conta cunha gran superficie arborada na que podemos atopar unha zona acondicionada como merendeiro e dúas pistas para practicar tenis, fútbol sala ou baloncesto. Esta área recreativa é un lugar ideal para iniciar o sendeiro fluvial do río Tea 3, tanto río arriba, en dirección á Ponte de Cernadela, como río abaixo, en dirección Mondariz Balneario.

No lugar do Carballal atopamos un interesante conxunto tradicional conformado por un palco da música, un cruceiro e unha capela dedicada a San Roque 4 que, antano, tivo un cabido aberto, tal e como mostra a fotografía

En Riofrío é moi coñecida a ‘Festa da Virxe do Leite’, que se celebra no propio día da Epifanía, o 6 de xaneiro. Ese día teñen lugar os cantos e a danza dos chamados ‘Ranchos de Reis’, 5 que cunha vestimenta orixinal e típica, fan os rituais propios da celebración anual desde tempo inmemorial. Durante a misa, os integrantes da danza formando coro cantan unha composición de trece versos para honrar á Virxe. Unha vez rematada a cerimonia, o rancho sae do interior do templo bailando cara atrás. De seguido interpreta distintos bailes acompañados de paus, castañolas e arcos.

 

riofrio