Parroquia de Sabaxáns

Esta parroquia conta con 353 habitantes repartidos nos barrios da Agrela, A Chan, A Chan de Filgueira, A Chan de Fornos, Ermelo, A Igrexa, A Lomba, A Paxareira, A Portela, O Costal, O Coto, O Cruceiro e O Outreido. A etimoloxía de Sabaxáns podería estar no antropónimo medieval dun antigo posesor do lugar: (Terra) Sabaianis, un nome xermánico.

A súa igrexa parroquial (42.261871, -8.419224), dedicada a San Mamede, data do ano 1730 e está situada nun outeiro. Desde alí as vistas panorámicas sobre o val do Tea son excepcionais. A fábrica deste templo de estilo barroco popular, conserva no seu interior un arco triunfal apoiado en columnas e capiteis románicos 1, o que fai del un conxunto único. Tamén merece destacarse a casa reitoral (42.263198, -8.4120711), e máis concretamente o seu magnífico canastro ou hórreo 2 de cámara granítica.

Na parroquia son famosas as augas sulfurosas de Ermelo. Este nacente sempre foi moi valorado po- las súas propiedades curativas, especialmente para tratar enfermidades da pel. Alí permanecen os restos da antiga casa de baños; unha edificación 3 (42.251545, -8.427304) da que só se conservan os muros portantes e as bañeiras. No barrio da Portela medra o Carballo do Campo 4 (42.257007, -8.411102), monumento natural incluído no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia polas súas características excepcionais (supera en 1,80 metros a altura máxima de referencia, cunha alzada de uns 40 metros).

Preto da igrexa podemos atopar os Petróglifos de Pé de Mula 5 (42.266714, -8.420723), a maior laxe gravada de Galicia. Trátase dun complexo único, xa que nel se insculturaron centos de cruces de orixe medieval, así como outras formas prehistóricas, caso de dúas figuras en forma de labirinto. Un deles é o de maior diámetro de todos os documentados en Galicia. Cabe destacar tamén o Foxo do lobo da Chan da Anduriña 6 (42.298385, -8.419610), nas proximidades do Coto de Eira, único con planta en forma de W que existe en Galicia. Trátase dunha construción tradicional empregada antano no medio rural para a caza de animais salvaxes. Consta dunha serie de muros que conflúen nun foxo de entre 3 e 4 metros, onde caían lobos, xabaríns, raposos… instigados polos cazadores.

 

sabaxans