A aprobación por parte do Parlamento de Galicia dunha Lei de Medidas Urxentes para o Transporte Público de Galicia, de cara a adaptarse á normativa europea, vén de facer que a maior parte das empresas concesionarias de transporte público renuncien as súas actuais concesións. Dita renuncia, supón un enorme prexuízo para os concellos afectados, entre os que se atopa Mondariz, xa que a Empresa Raúl foi unha das que anunciou a súa renuncia ás liñas que ten pola zona.

Aínda que ata o día 30 de agosto, as actuais concesionarias teñen a obriga de continuar prestando o servizo, a partir do 1 de setembro deixarían de facelo e, o Goberno local de Mondariz, “daquela a Xunta xa debería ter licitadas as novas liñas”.

Para conseguir cumprir eses prazos, a administración autonómica vén de contratar unha consultora para que elabore un novo Plan de Transporte no que, entre outras cousas “buscaríase a rendibilidade das liñas”. Mondariz, ao igual que Mondariz Balneario, Covelo, As Neves, Salvaterra de Miño e Salceda de Caselas, amosaron xa a súa preocupación por este plantexamento xa que, di o Goberno de AporM, “estas liñas nunca serán rendibles” e pregúntanse se con iso quérese dicir que “chegado o momento quedaríamos sen transporte público”.

A tenente de alcalde do Concello de Mondariz, Mónica Peralba, pon en cuestión o sistema de traballo da consultoría contratada “xa que aos concellos déronnos un cuestionario no que, basicamente, pídesenos que fagamos o traballo que tería que desenvolver a consultoría contratada”. Ao entender de Peralba, “trátase de datos absolutamente técnicos e que precisan da realización dun traballo de campo”.

Pola súa banda, o Concello de Mondariz busca todas as alternativas que permitan que o municipio e os seus veciños e veciñas, “poidan contar cun transporte público de calidade”. Con esa finalidade, Mondariz, Mondariz Balneario, As Neves e Covelo, mantiveron unha reunión coas catro empresas de transporte que operan na zona (Barros, Estévez, Raúl e Álvarez Vázquez”) para coñecer a súa opinión e as súas suxestións e “elaborar un comunicado no que quede clara a opinión tanto das empresas como dos concellos”.

Do mesmo xeito, o Concello de Mondariz, trasladou a súa preocupación por este tema e os pasos que se están a dar ao sector estudantil, tanto universitario como de institutos, Asociación de Maiores e Asociación de Comerciantes “ao ser un tema de extraordinaria importancia para toda a veciñanza do municipio”.

O Goberno municipal solicitará que a empresa consultora encargada da realización do estudo “achéguese aos concellos afectados para estudar, sobre o terreo, os problemas que cada un ten en materia de transporte público e conseguir un transporte público de calidade, imprescindible para o desenvolvemento dos municipios e para a mellora da calidade de vida dos seus habitantes”