Repaso a dous anos de xestión municipal

O pasado mes de maio cumpríronse dous anos desde que a veciñanza decidiu dar a responsabilidade do goberno a Alternativa por Mondariz. Foron dous anos dunha xestión complexa a causa da grande fragmentación da Corporación Municipal pero, no fundamental, serviron para que as veciñas e veciños puidesen comprobar que o cambio é unha realidade verificable, que non é retórico. Co alcalde Xoán Carlos Montes Bugarín á fronte, o novo goberno municipal asentou unha nova maneira de facer política aberta e dialogante, capaz de xestionar con eficacia os recursos públicos e comprometida coa igualdade de oportunidades.

De dous anos para aquí publicítanse amplamente todas as convocatorias de emprego público. De dous anos para aquí todos os veciños e veciñas falan fluidamente co alcalde das súas necesidades, son respectados e tratados con educación. De dous anos para aquí os recursos públicos invístense onde máis se necesitan, e aí están realidades como a nova Biblioteca Municipal ou a nova Praza de Abastos como exemplos da nosa xestión. Asumimos tamén que na vila, todas as persoas, en particular a xente maior, as que teñen mobilidade reducida e as nenas e nenos, teñen que ter prioridade sobre os coches, como pasa en calquera vila europea.

Por último, a cultura con maiúsculas chegou a Mondariz para quedar. Presentacións de libros, concertos de música de todo tipo, monólogos de primeiro nivel, teatro, actividades variadas para o público infantil, e un longo etcétera certifican que o cambio que a veciñanza decidiu co seu voto hai dous anos pagou a pena.

Pero aínda queda moito que facer. Queremos facer máis e mellor. E nunca sós. Queremos seguir camiñando como ata agora, da man de todos e todas vós. Para seguir construíndo un concello aberto e participativo, un Mondariz novo ao servizo da xente, onde ela é a protagonista. Xuntos e iguais por un Mondariz mellor.