Parroquia de Vilar

Esta parroquia atópase a tres quilómetros da vila, e limita con Mondariz-Balneario, separado polo río Tea. Conta con 272 habitantes, que residen nos núcleos da Bouza, O Caeiro, As Cavadas, A Costeira, O Granxal, A Igrexa, As Laxas, A Portela, Redo, O Seixo, O Souto e Torrados. O nome de Vilar deriva do latín Villaris, que significa “o que pertence á vila” e a súa existencia está documentada desde o século XII.

A igrexa de San Mamede 1 (42.231609, -8.479062) data do ano 1797 e foi construída en estilo barro- co popular, como evidencia o frontón partido da fachada que acolle un fornelo baleiro cuberto por unha vieira e un óculo. Coroa o conxunto unha espadana –cuberta por un frontón triangular– que alberga dúas campás. No interior destaca un púlpito de pedra elevado, decorado con motivos vexetais; a pía bautismal en forma de copa e a bóveda de cruzaría nervada que cubre o presbiterio. A poucos metros do templo, un cruceiro figurado 2 no que se representa un Cristo crucificado e unha Piedade co seu fillo en brazos.

Praia fluvial do Curuxón. 3 Situada á beira do río Tea (42.228106, -8.470376); sobre ela construíuse un refuxio de pescadores que hoxe ocupa un negocio de restauración. Hai case un século nesta praia erguíanse dous muíños, xa desaparecidos como consecuencia das riadas, cuxos restos podemos ver ao pé da ponte.

Sendeiro do río Tea. Desde Vilar podes acceder ao sendeiro fluvial do Tea (42.227824, -8.472209) que une a Mondariz con Mondariz Balneario e Ponteareas. O camiño, habilitado para bicicletas e peóns, trans- corre pola marxe dereita deste río incluído na Rede Natura 2000 da Unión Europea. Desde o sendeiro poderás ver a histórica Fonte de Troncoso 4 –obra do arquitecto Antonio Palacios que se levanta na outra beira do río– un dos mananciais históricos de Mondariz, descuberto en 1862 por Domingo Blanco Lage.

Uns 160 metros máis adiante poderás contemplar os Pasos de Nota 5, unha serie de pedras con forma de paralelepípedo que se construíron en paralelo a unha calzada de pedra (hoxe oculta) que permitía cruzar o río aos carros de bois. Se continúas augas abaixo, a case 1 km e á altura do campo de golf, atoparás outras poldras que reciben o nome de Pasos de Portavilar; ao seu pé verás un peto de ánimas de pedra 6.

 

vilar