Desde o pasado mes de novembro xa abriu as súas portas a nova Praza de Abastos. O novo mercado mondarizán dispón agora de bancadas de venda móbiles para aqueles que queiran acudir a diario a vender os seus produtos.

Con este novo espazo de emprendemento, o goberno local ten expectativas de crear emprego. “Queremos que sexa un punto dinamizador do rural, onde os veciños poidan mostrar o seu traballo e os seus produtos” sinalou o alcalde Xoán Carlos Montes Bugarín.

Dous dos postos foron ocupados polos vendedores de peixe, que agora acoden tamén os domingos, o terceiro, está reservado para destinalo a espazo gastronómico, un local de nova apertura que está a ter un grande éxito, entre outros motivos, pola atractiva preparación dos produtos que venden os demais praceiros.

Unha vez concluídos os traballos da primeira fase da reforma, que foi financiada conxuntamente pola Xunta e a Deputación con case 100.000 euros, está pendente unha segunda fase que se acometerá este mesmo ano e calcúlase que, en total, a obra alcance os 140.000 euros aproximadamente.

A obra realizada ata agora consistiu en levantar o chan para erradicar os malos cheiros existentes. “Cambiouse a soleira e púxose unha que non é tan húmida, é máis cálida e con ela conséguese un espazo máis atractivo, que xa non estará mollado nin escorregará” comentou o rexedor. Ademais construíronse baños adaptados e tamén se instalaron consignas.

O resultado das obras satisfai ao goberno local porque “se logrou conservar o edificio como un espazo clásico pero, á vez, moderno, adaptado ás novas demandas”, afirma o alcalde.

O executivo insistiu en que “a nosa visión da nova praza de abastos é que sexa un espazo multifuncional, que sexa un lugar de vendas pero tamén de encontro no que realizar actividades, que sexa un punto onde os veciños e veciñas poidan atoparse e tamén onde aqueles que teñan excedentes de produción, de froitas, verduras… poidan vendelos” sinalou Montes.